Libro de Familia: Lista de episodios
Os labregos de Santalla, animados por Manuel Cabanas, deciden formar unha cooperativa para que o cacique, don Román, deixe de se-lo intermediario na venda de leite e conseguir así un prezo xusto. Pero as cousas non se presentan fáciles para Manuel, que non dubidará en loitar por defende-lo seu. O boticario Telmo, logo de que Laura, a muller do cacique, rompera a relación que mantiñan en secreto, vende a casa onde se vían as agachadas. A decisión do boticario xera todo tipo de comentarios e moita curiosidade pola identidade do comprador. O misterioso comprador é Freire, un emigrante que pasou máis de trinta anos en Venezuela. O regreso de Freire alporiza a don Román, co que ten contas pendentes do pasado. O cacique xura non parar ata ver a Freire de novo lonxe de Santalla. María, a filla de Manuel Cabanas, quere ser mestra e Laura ofrécese a darlle clases gratuitas na súa casa, levándolle a contraria ó seu home e a Marcos, o fillo de ambos. Mentres, Pablo, o fillo de Manuel, e a súa amiga, Rosamari, descubren que Santalla non aparece nos mapas e deciden solucionalo á súa maneira.
Os labregos, con Manuel Cabanas ó fronte, conseguen forma-la cooperativa, pero don Román déixaos sen transporte. Freire, que se adica ó contrabando de tabaco, ve no transporte de leite un xeito de protexe-la súa actividade sen levantar sospeitas. Os nenos fan corre-la nova de que Freire mercou unha tele e a este non lle queda máis remedio que convidar a todo Santalla a ver un partido. A todos menos a Elías, o taxista, co que tivo varias discusións. Pero á tele non lle chega o sinal e o único que o pode solucionar é Elías. En Santalla empezan a pensar que entre Elías e Marisiña, a criada dos Cabanas, está xurdindo o amor, pero Marisiña négase a recoñecelo. Telmo decide marchar de Santalla, aínda que non tarda en decatarse do mal que estaría Laura se quedase soa con don Román. Marcos segue facéndolle a vida imposible a María aproveitando que estudia na súa casa. Pablo e Rosamari conseguiran cartos vendéndolle á xente a nova da tele de Freire, pero finalmente as cousas non van sair como esperaban...