Serramoura: Lista de episodios
Mónica Triáns, unha rapaza de 25 anos, aparece asasinada en Serramoura no medio do monte. Para Marga non se trata dunha vítima sen máis, xa que Mónica era unha das súas mellores amigas e, ignorando os consellos do seu superior, involúcrase no caso. O corpo sen vida estaba nunha parcela de monte propiedade de Evaristo Fiúza, dono de toda a vila menos do serradoiro, propiedade da familia Soutelo. Sabedor das débedas que causa e aproveitando que Xulián Soutelo está no seu leito de morte, Evaristo coaccionará o seu fillo, Gonzalo, para que asine os documentos de venda do serradoiro, o seu máis prezado obxecto de desexo. Mentres, a morte de Mónica, que traballaba na única taberna de Serramoura, comeza a ter repercusión entre os veciños. O seu asasinato conmociona toda a vila e pona patas arriba na procura dun culpable.
Un asalto con agresión nun pequeno dispensario da vila, dirixido polo doutor Emilio de la Cruz, porá a Marga e a Diego na pista dun toxicómano da vila. Axiña, as súas indagacións atoparán un inquedante nexo entre este suceso e o asasinato de Mónica Triáns.
O atraco a punta de pistola nun banco conmocionará novamente Serramoura. O atracador non levou cartos ningúns, só unha caixa de seguridade a nome de Mónica Triáns. Que gardaba a moza asasinada no banco? Dar co ladrón podería ser a única maneira de descubrir cal era a verdadeira identidade da vítima e, polo tanto, o móbil do seu asasinato. Deter o atracador e recuperar a caixa de seguridade de Mónica Triáns pasa a ser prioridade para os nosos protagonistas. Se o conseguen, poderán reabrir a investigación e avanzar nun caso que se está transformando para os dous nunha obsesión. O atraco coincidirá no tempo co funeral de Xulián Soutelo, patriarca da familia propietaria do serradoiro e cita ineludible para todo aquel que se considere alguén en Serramoura. O evento perfecto para que Teresa Soutelo pesque investidores para o seu necesitado serradorio. Pronto Raquel acabará cos soños de prosperidade dos Soutelo.
Un incendio de grandes dimensións prende nos montes de Serramoura. A Garda Civil aínda non o sabe, pero o incendio foi provocado. O que non imaxinan os investigadores é que o motivo foi a queima do cadáver do atracador que roubou a caixa de seguridade de Mónica Triáns. A investigación do caso prosegue, tortuosa e traumática pois cada pista fai xurdir un novo sospeitoso. Pero para os habitantes de Serramoura o urxente será extinguir o lume que ameaza non só os montes de Serramoura, senón ao modo de vida dos seus habitantes e, en especial, da familia Fiúza, principais terratenentes da zona.
O achado dun teléfono móbil escondido na casa supón todo un shock para a irmá de Marga, que ata agora confiara cegamente no seu home. Pero, de quen é ese teléfono, que fai agochado na súa casa e por que soa constantemente? Quizais na memoria do aparato se atope a resposta que bote luz sobre quen está detrás do asasinato de Mónica Triáns e que papel xogou Pancho. Allea a este descubrimento, a súa filla Álex continúa a súa cruzada particular: conseguir demostrar que Román é o asasino e así liberar o seu pai. Román caeu na trampa e a relación xa é real e perigosa. Ademais, deberán mantela en segredo para evitar que as súas familias compliquen aínda máis a situación. Outra relación que se estreitou considerablemente é a de Diego e Gloria, pero non ata o punto que comezan a sospeitar algúns veciños de Serramoura. Diego fíxolle un favor á muller de Fiúza e esta devolveullo entregándolle unha copia do último correo electrónico intercambiado entre Román e Mónica.
En Serramoura ninguén é quen parece ser e os habitantes da vilavan caendo do seu pedestal. Primeiro foi Pancho quen non tivo máis remedio que confesar a infidelidade á súa muller. Unhas mensaxes de voz acabaron por delatalo. E o último foi Emilio, médico da vila e parella de Marga Neira. A ambas as dúas mulleres, as súas parellas traizoáronas coa mesma muller, Mónica Triáns. Unha vítima que a cada paso que avanza a investigación, menos inocente parece. Pero, por se non houbese bastantes sospeitosos na localidade, acaba de facer acto de presenza un novo personaxe, un tal Santos, dono dun taller de despezamento e, en opinión da sarxento Neira, un home de negocios, todos eles ilegais. De quen tampouco se fía demasiado Diego Bazán é do seu propio tenente.